— Galicia

Saúde e ignorancia

La Voz de Galicia (2004)

O taxista calou e Rafael concentrouse na paisaxe: unha doce terra que se ondulaba ata chegar ao mar calmo dunha ría.

Todo era apracible, e a el aínda llo parecía máis pola certeza que lle dera o informe de alta do hospital. ¡Estou sandado!, díxose, por ver de se animar completamente…

Pero algo que o perturbara durante os sete anos da súa enfermidade impedíallo: antes de lle diagnosticaren o tumor, vivira máis dun ano créndose san e estando enfermo. Un día que non podía identificar, no que quizais coidase que o máis importante que lle pasara fora unha discusión cun alumno arredor dunha tese ou calquera outra ansia intelectual, unha célula do seu estómago encetara unha transformación daniña que, podendo acabar con el, el non fora quen de adiviñar. Si: as células do seu corpo protagonizaran unha historia que o podía matar, e todo ese tempo Rafael convivira con esa trama como un alleo… ou un paspán.

Só unha revisión rutineira, unha casualidade, desveláralle que estaba enfermo. Cando llo oíu dicir ao médico sentiu que a súa conciencia se escindía. El xa non era un individuo, senón dous: un eu racional e discursivo, e un ser vexetativo, químico, que operaba cunha causalidade impasible… e asasina.

Quizais o máis desconcertante dos anos que durou o seu tratamento foi esa sensación de ser un conxunto de dous descoñecidos…

Aínda sentía así cando o taxi chegou á casa.

Pagou, saíu do coche, deu dous pasos mentres buscaba as chaves na chaqueta e, entón, sentiuse imprevistamente san.

Primeiro pensou que o arrecendo do mar lle devolvera o benestar… pero dous pasos máis alá comprendeu que por un momento esquecera o corpo, e nesa ignorancia estaba o verdadeiro alicerce da súa sensación de saúde…

¡Qué paradoxo!, pensou: toda a vida na procura do coñecemento para acabar gozando tanto de non saber…