— Galicia

Foro de natalidade e vellez (avellentamento) en Galicia

Museo do Pobo Galego (2013)

1.- Hoxe convócanos aquí un problema, o avellentamento da nosa sociedade e a súa febleza demográfica, que é consecuencia de dous éxitos:

  • O alongamento da esperanza e calidade de vida da nosa poboación, e
  • A posibilidade de regular voluntariamente a reprodución, é dicir, de diferenciar sexualidade e procreación.

Procesos positivos que, no tempo, xeran novas problemáticas: iso é o que sucede con case todos os retos actuais da humanidade.

O modelo de desenvolvemento que naceu coa revolución industrial e o capitalismo –que permitiu un crecemento económico, demográfico e social de grandes proporcións; que posibilitou un desenvolvemento científico inimaxinable hai cen anos; que estendeu as condicións de salubridade a unha porcentaxe crecente da poboación mundial- está hoxe conducíndonos a un probable colapso ambiental, a unha cada vez maior e daniña importancia da economía financeira e especulativa fronte á produtiva, a unha homoxeneización das condicións de vida globais, co deterioramento relativo das alcanzadas nos países que lideraron o proceso de industrialización (Norteamérica e Europa) e a mellora relativa das rexións emerxentes (sobre todo Sudamérica e Asia).

Iso é compatible co grande incremento do número de persoas que viven na exclusión e a pobreza porque a incrible explosión demográfica mundial producida no século XX fai compatible que a porcentaxe de xente que ten hoxe un nivel medio de renda sexa maior á que había a principios do século XX, pero que tamén o sexa o “número de individuos” que viven nunha absoluta miseria.

2.- Galicia, nos últimos setenta anos, transformouse de xeito vertixinoso, facendo desaparecer unha sociedade rural que, sen apenas modificacións da súa estrutura produtiva, procedía do modelo económico e social do vello réxime.

Dende o inicio da revolución industrial, Galicia foi perdendo pulo económico, de xeito que dende fins do Século XVIII temos unha relación problemática entre economía e demografía:

  • Cando tiñamos altas taxas de natalidade e un bo ritmo de crecemento demográfico, propios da Europa do Século XIX, o excedente demográfico foi parar á emigración. Fálase do entorno ao millón de galegos emigrados dende finais do século XIX ata mediados do XX, cifra inmensa se temos en conta que en 1900 Galicia tiña 1,9 millóns de habitantes e hoxe, 2,7. A pegada cuantitativa dese fenómeno aínda pode rastrexarse no CERA (340 mil persoas) e nos galegos residentes noutras rexións españolas (240 mil).
  • Agora que a dinámica social do noso país nos leva ás pautas demográficas do mundo desenvolvido (baixa natalidade e baixa mortalidade), aparece a febleza, a perda de peso demográfico de Galicia, que hoxe nos convoca.

3.- De todas formas, é importante ter en conta que a nosa preocupación como galegos sobre a cuestión demográfica é xusto a contraria da que debemos ter a ese respecto como cidadáns do mundo.

  • A humanidade está a experimentar unha impresionante explosión poboacional dende mediados do século XIX. Así, entre os anos 1900 e o 2000 os habitantes do mundo pasaron de 1.650 a 6.800 millóns de persoas, é dicir, máis que se cadriplicaron.
  • Tal explosión segue ritmos diverxentes de crecemento: no mundo desenvolvido, cunha baixa natalidade e un alongamento da vida, é menor que no século XIX. Así, na última centuria Europa nin sequera duplicou a poboación –pasou de 408 a 747 millóns de habitantes-. Pola contra, no mundo en desenvolvemento, e moi especialmente en Asia, o crecemento foi altísimo, e iso malia a política de control da natalidade de China.
  • Ese desequilibrio no crecemento ten consecuencias no plano local: boa parte do incremento demográfico do mundo desenvolvido nace da inmigración. Por exemplo, España pasou no século XX de 18,6 a 47 millóns de habitantes (medrou 2,5 veces), pero do total de habitantes en 2010 un 10%, 4,7 millóns de persoas, eran inmigrantes. O diferencial de Galicia ao respecto é enorme (só un 2% da nosa poboación é estranxeira).
  • Con estes datos, e cunha visión meramente cuantitativa, se algo non falta no mundo son persoas. Ademáis, se algo caracteriza a humanidade como especie é a súa extraordinaria mobilidade, polo que a demografía debe ser sempre posta en relación coas dinámicas xerais, e non só coas locais.

4.- Nese contexto: ¿cal é a preocupación sobre a nosa realidade demográfica? En realidade, son dúas:

  • a sostibilidade económica do país, é dicir, da actividade e a vida no territorio delimitado como Galicia.
  • a perduración da identidade galega.
  • A primeira é común a áreas de España (e de Europa) que afrontan problemas de dinamismo económico como os nosos (as comunidades autónomas veciñas: Asturias, Castela e León, por non ir máis lonxe). A perda de poboación é un índice que alerta sobre o declive, sobre a febleza do futuro.ç
  • A segunda, é común aos territorios con identidades minoritarias pero tamén a grandes agregados culturais suxeitos á incorporación moi intensa de inmigrantes procedentes de espazos de culturas e tradicións moi diferentes. Neses casos, o conflito cultural (os problemas de “integración” e o medo á “disolución da identidade receptora”) xurde case inevitablemente e, por veces, con derivacións ideolóxicas realmente detestables.

5.- De ordinario, falar de preocupacións desta caste leva á tentación de facer prognoses, pero, a estas alturas, o descrédito a ese respecto debería ser total. Non hai prognose social ou económica na que acreditar.

A razón é sinxela: construímos a nosa idea do futuro sobre os parámetros do presente. E a innovación e os cambios que se producen na realidade, cada vez máis rápidos, supoñen rupturas deses parámetros, co que as prognoses adoitan ser exercicios estériles.

Atrévome a citar só dous exemplos:

  • Un documento da ONU sobre prospectivas para a fin do milenio, elaborado a mediados dos anos 80, formulaba unha imaxe do futuro na que nin se albiscaba a relevancia de internet ou da telefonía móbil para conformar a economía e a sociedade que hoxe vivimos.
  • As reflexións sobre a viabilidade da seguridade social española, feitas a fins dos 80, mesmo con proxeccións demográficas, non puderon prever o impacto da inmigración que, na época de bonanza, equilibrou por uns anos o sistema, chegando a xerar superávits.

Por iso, en vez de facer prognoses, resulta máis útil tratar de acertar co enfoque co que abordar os problemas que enfrontamos.

Aí é onde, ademais, a experiencia da organización á que pertenzo pode aportar algo neste foro.

6.-Parece evidente que a cuestión demográfica de Galicia só se pode abordar encadrándoa na creación de condicións favorables para un desenvolvemento da vida das persoas no concreto, no individual.

Nese plano, a mellora demográfíca convértese no que realmente é: o resultado agregado da forma en que as persoas poden construír un proxecto de vida do que, por un lado, a parentalidade (e, sobre todo, a maternidade) sexa parte fundamental, un factor de crecemento e desenvolvemento individual e, xa que logo, colectivo; e, por outro lado, no que a ancianidade deixe de ser un periodo pasivo e residual (aquilo que pasa cando a vida vai acabando), para converterse nun tempo activo e construtivo, unha parte esencial do proxecto vital do invididuo.

Tanto unha cousa como a outra dependen, simplificando moito, de tres factores:

a) Un nivel de desenvolvemento económico suficiente.

b) Un modelo social enfocado ao benestar individual da xente e a favorecer o desenvolvemento persoal como misión central da acción común.

c) Un artellamento e equilibrio entre o público e o privado que posibilite ambos os outros dous factores. Neste punto, a existencia dunha eficiente, suficiente e equitativa fiscalidade é unha condición indispensable.

Dada a interdependencia xurdida da globalización, eses tres factores non se poden acadar só no plano local: requiren espazos públicos máis amplos, o que coloca moitas das solucións e das accións necesarias en ámbitos de decisión supralocal.

E as consecuencias que a deriva demográfica (tanto decrecente como crecente) ten no plano cultural só se poden abordar dende unha visión dinámica da construción da identidade, desde a capacidade dunha cultura dada para xogar e reinventarse nun contorno aberto, intra e multicultural.

7.- Concretando esas reflexións xenéricas ao noso caso, cómpre salientar o seguinte:

a) A viabilidade económica de Galicia non depende tanto da súa evolución demográfica como da capacidade de xerar iniciativas, de aproveitar as súas oportunidades, do talento que para iso despregue o seu capital humano.

Nesta cuestión, Galicia leva douscentos anos cun problema que muda de forma pero se mantén case invariable: non somos quen de crear un modelo estable de desenvolvemento económico. As teóricas vantaxes competitivas do noso país non conseguen superar as nosas eivas e xerar actividade económica suficiente para cada momento histórico.

E a demografía sempre foi ao carro desa realidade.

Unha parte fundamental do futuro demográfico endóxeno de Galicia depende do incremento da súa actividade económica. Se as persoas, especialmente os mozos, non ven perspectivas; se se atrasa tanto como se atrasa hoxe a posibilidade de acadar un horizonte económico prometedor (xa non necesariamente estable); se resulta tan complexo e caro soster unha forma de vida compatible co nivel cultural e de disfrute de bens e servizos ao que nos afixemos, as decisións de reprodución serán necesariamente (e racionalmente) escasas, e en absoluto desbotable unha nova vaga emigratoria.

E no caso de que se produza un ciclo expansivo, a resposta ás necesidades demográficas virá en gran medida do incremento da inmigración, é dicir, do crecemento exóxeno porque a reactivación reprodutiva endóxena sempre vai ser moderada, coerente co paradigma do noso contorno.

Neste punto, creo importante facer referencia a dous aspectos ligados ao traballo directo da Fundación MENIÑOS:

O primeiro é o cambio do patrón das familias coas que traballamos no programa de integración familiar, do que falarei máis adiante. Esas familias padecen graves dificultades sociais, moitas delas xa están incursas en situacións de exclusión social. Tradicionalmente esas familias estaban constituidas por xente moi nova, con 4 fillos de media. Sen embargo, nos últimos anos as idades dos pais elevouse por riba dos 30 anos e o número de fillos reduciuse ata unha media de 2,3. Mesmo nos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade, o atraso temporal da paternidade e a diminución da descendencia son unha realidade.

O segundo fenómeno é o da adopción internacional. Esta cuestión merecería un comentario máis amplo e específico, pero aos efectos do que agora interesa pón de relevo a relación directa entre expectativa económica e desexo de parentalidade.

Así, nos anos de bonanza (do 2000 ao 2011) en Galicia rexistráronse 4.902 solicitudes de adopción internacional, das que 2.306 se resolveron favorablemente. Os países con máis de 100 asignacións de nenos foron Etiopía (726), China (621), Colombia (288), Rusia (162) e Vietnam (109). E os anos con maior demanda foron os de maior crecemento económico (2004, 2005, 2006 e 2007).

b) A creación das condicións para que as persoas e o seu proxecto de vida sexa a base da acción común, é unha cuestión crucial. A este respecto hai que salientar que o noso modelo de desenvolvemento económico ten eivas estruturais que contribúen a xerar, ao mesmo tempo, crecemento e exclusión social. A única forma coñecida para corrixir esa dicotomía é un espazo público que regule e aproveite o crecemento incorporándoo a un marco de desenvolvemento social (é dicir, o que denominamos “Estado de Benestar”).

O noso modelo de Estado de Benestar baseouse nos últimos 30 anos nun importante crecemento dos servizos (educativos, sanitarios, sociais) e, sobre todo, das infraestruturas. O grao de dependencia dun financiamento público expansivo, a extensión de modelos de actuación procedentes de vellas prácticas asistenciais -altamente ineficientes e custosas-, e a ausencia de rigor na formulación das políticas implementadas, está conducindo a un paradoxo: cando a crise fai máis necesarios os servizos públicos, estes desaparecen ou se deterioran.

O noso sistema de benestar, que, como en calquera outro país do noso contorno, é indispensable para asentar políticas proactivas de conciliación familiar e fomento da natalidade, quebra pola base ás primeiras de cambio: cando veñen mal dadas, debilítase ou desaparece.

Un exemplo revelador foi a medida natalista do chamado cheque bebé: a causa da crise fiscal desencadeada polas consecuencias da crise financeira, non resistiu nin dous anos, cando calquera medida ou política que pretenda fomentar o desenvolvemento das persoas e do seu proxecto de vida, require estabilidade, anticiclicidade, visión preventiva.

8.- Neste campo, vai ser necesario tentar un redeseño dos nosos sistemas de benestar en base a tres principios:

  • Eficiencia social (é dicir, que as medidas tomadas contribúan de forma efectiva á prevención e á solución dos problemas o que, inexcusablemente, require mecanismos de medición de resultados).
  • Rigor técnico e participación social (é dicir, formulación profesional de alternativas, debate aberto sobre elas, claridade na decisión sobre as políticas a seguir, transparencia sobre as razóns das opcións tomadas e responsabilidade sobre as mesmas).
  • Sostibilidade (é dicir, racionalidade económica e grandes consensos para facer posibles longas implementacións).

Tanto as accións de fomento da natalidade, entendidas como medidas para favorecer a conciliación e a parentalidade, como as de empoderamento da vellez, hoxe case inexistentes, deberían atender a eses requirimentos.

9.- Meniños, no seu campo de actividade, tenta contribuír a tal enfoque. A Fundación naceu en 1996 en Galicia coa misión de mellorar as condicións de vida da infancia e a adolescencia que se encontra en situación de dificultade social.

Para iso, estableceu programas que se basean nestes conceptos esenciais:

– A prevención da desatención e o maltrato á infancia é unha tarefa indispensable, na que nunca hai que baixar a garda. Neste sentido convén lembrar que, en 2010, en España estaban abertos 41.155 expedientes de protección, e 14.088 menores vivían en centros de internamento.

A esta situación hai que sumarlle a actual crise económica que está a ter consecuencias especialmente graves para os colectivos máis vulnerables: as persoas e familias con circunstancias socioeconómicas precarias e, especialmente, a infancia.

Así, os estudos no noso país estiman una taxa de pobreza en torno ao 19,7% da poboación, e revelan ademáis a progresiva “xuvenalización” da pobreza, xa que un 26% dos fogares con menores entre 6 e 15 anos son pobres, o 44,1% dos pobres son persoas menores de 25 anos e un 27% da poboación infantil está afectada pola pobreza.

– A mellor atención a nenos e adolescentes é a que se lles da na súa familia. Axudar a esta para que supere as súas dificultades é o primeiro obxectivo dunha correcta acción protectora dos menores.

– Mentres iso non é posible, é necesario buscar entornos familiares (propios, como tíos ou avós, ou alleos, como familias acolledoras) nos que atender os nenos mentres se segue a axudar ás súas familias biolóxicas.

– Se un menor está ingresado nunha institución, é necesario actuar para situalo nun entorno familiar mediante a figura do acollemento temporal, e traballar para que regrese á súa propia familia canto antes ou para que acade a súa emancipación cando pola súa idade e historia persoal a situación o esixa.

– Só en caso de que todos estes obxetivos sexan inviables, procedería una separación definitiva do menor da súa familia e a súa inserción noutra por medio da adopción.

Acadar resultados satisfactorios partindo destas premisas require entusiasmo, pero, sobre todo, un sólido fundamento teórico e un escrupuloso rigor técnico. O estado actual dos coñecementos sobre a persoa e a súa evolución permite desenvolver modelos de intervención eficaces desde unha perspectiva global e integradora para os problemas que alteran e perturban o normal desenvolvemento dos nenos no seu entorno familiar.

Por iso, o traballo de MENIÑOS é proporcionar ás familias recursos técnicos e formas de actuar para aproveitar as potencialidades presentes nos propios nenos, nos pais e nas persoas do entorno dispostas a axudar.

Con esta orientación, MENIÑOS estendeu a súa acción a ASTURIAS e MADRID, e estableceu vínculos de cooperación con entidades de Portugal, atendendo, desde 1996 ata o de agora, a 4.123 menores e a 3.431 familias mediante programas de integración e atención familiar, de acollementos e adopcións de especial dificultade, e de acollementos de carácter temporal.

Igualmente, MENIÑOS traballou con 64.500 nenos e nenas, 3.400 profesionais educativos e 700 Colexios en proxectos de prevención do maltrato e a desatención.

O traballo técnico e de investigación que fundamenta a nosa acción deu lugar, por exemplo, á avaliación do programa de Integración Familiar de Galicia, desenvolvido en todas as provincias galegas e especialmente innovador no ámbito español.

O programa ten dúas áreas de intervención:

Reunificación Familiar, que traballa coas familias de nenos que foron separados delas para procurar a súa reintegración, no que, ata o momento, se atenderon en Galicia a 1.208 nenos e nenas.

Preservación Familiar, que trata de apoiar ás familias con graves problemas de dificultade social (enfermidade, carencia de habilidades, aillamento) para evitar que os fillos sexan separados delas (ata o momento foron atendidos 784 nenos e nenas.)

O período medio de permanencia dun menor no programa é de 20 meses, e o coste total promedio da actuación por beneficiario é de 2.799,08 €.

Os resultados do programa é alto: de cada 100 menores atendidos, 70 permanecen ou volven ás súas familias, e 59 deles mantéñense nelas de forma estable ao longo dos anos, sen requirir novas actuacións do sistema público de protección á infancia.

Fronte a este modelo de intervención, o usual era o internamento crónico dos menores en institucións. O custe anual de cada menor con ese modelo de atención é de aproximadamente 16.000 €, e non asegura nin a estabilidade dun proxecto persoal dos menores unha vez acadada a maioría de idade civil, cando o sistema deixa de atendelos, nin o cambio social necesario para pasar dun plantexamento asistencialista a un enfoque de empoderamento e capacitación persoal.

A nosa busca prosigue engadindo novos instrumentos que, ademáis de operar coa maior eficiencia, presten unha atención especial á familia como eixe central da vida social e, en especial, aqueles dirixidos a poñer nese marco as novas prácticas en protección infantil, a atención a novas problemáticas, como o tratamento de adolescentes en conflito social ou as consecuencias da violencia de xénero nos menores (son perto de 188.000 os que en España están afectados por esa cuestión), e, en xeral, dos problemas ordinarios que xurden no seo da familia. Neste sentido, é especialmente importante a posta en marcha en A Coruña, hai case un ano, do Centro de Terapia e Atención Familiar.

Esa orientación, consistente en facilitar apoios efectivos, solventes no técnico e sostibles, no económico pero, sobre todo, no social (traballamos coas persoas para convertilas en axentes de cambio nas súas vidas e poder así enfrontar desafíos futuros sen necesidade de axuda), é a que, na nosa opinión, deben seguir tanto as actuacións de conciliación da vida laboral e familiar como o deseño de servizos ás familias.

E tal acción, xunto cunha evolución económica razoable, é a que pode contribuír a paliar en parte o problema que hoxe nos convoca.