— Galicia

O galego, patrimonio común

Consello da Cultura Galega (2014)

A controversia sobre o galego derivada das eleccións de marzo de 2009 carece dunha perspectiva necesaria para o seu adecuado encadramento: a da preservación do patrimonio cultural.

Galicia, en termos lingüísticos, non é (poñamos por caso) Bélxica: unha sociedade dividida en comunidades lingüísticas cuxo estatus fronte ás institucións e ás outras comunidades é necesario delimitar. Para algúns dogmáticos dunha ou outra especie esa situación sería a desexable, co galego como lingua dos galegos, o castelán como lingua dos españois que viven en Galicia, e cunha política lingüística que ordenara a convivencia desas dúas comunidades, entre sí alleas.

Non obstante, a cuestión lingüística de Galicia formúlase mellor con esta pregunta: ¿como vai perdurar o galego, lingua fráxil creada neste fisterre europeo, convivindo xa non no mesmo territorio, senón nos mesmos falantes, co poderosísimo castelán?

A resposta a esa pregunta acepta dous escenarios alternativos: o galego pode convertirse nunha lingua folclorizada, reducida a un uso ritual e cultural, como un prezado resto arqueolóxico; ou pode mantenerse como unha lingua de uso e comunicación xeral, como unha realidade viva e creativa en relativo parangón co castelán, e esta dicotomía trasládanos inevitablemente ao campo das cuestións que afectan ao patrimonio histórico e cultural. 

En efecto: os bens patrimoniais poden dividirse en dous grupos: os que, tendo perdido a súa función e vixencia orixinarias, manteñense como unha fermosa testemuña do pasado, como, por exemplo, a muralla romana de Lugo; e os que, ademáis de preservar o seu valor histórico, mantiveron tamén o seu uso e función, como sucede, por exemplo, co camiño e coa cidade histórica de Santiago.

O camiño e a cidade de Santiago son bens conxuntos, nos que o valor da totalidade materialízase nunha pluralidade de elementos e de donos. Así, a única forma de preservar o patrimonio público é establecer restriccións aos dereitos de disposición das múltipes propiedades privadas en que aquél se descompón, ampliando as obrigas asociadas a ese dereito e regulando de forma específica materias que noutros ámbitos non o necesitarían. Por exemplo, en interés de todos, os propietarios dos edificios da cidade histórica de Santiago de Compostela non poden alterar os volumes das suas casas, usar nelas determinados materiais ou desenvolver determinados usos, e é que a preservación do patrimonio esixe esforzo, deberes, gastos, e tamén unha actitude culta, madura, que forza a renunciar a expectativas inmediatas e personais para asegurar beneficios futuros e colectivos.

A resistencia de certos propietarios a asumir esas cargas seméllase ás protestas de aqueles que denuncian as medidas que impoñen o galego sobre o castelán: un rexeitamento á relevancia do ben a preservar e a cómo esa preservación afecta ao seu ámbito persoal. E para tais rexeitamentos, os excesos (que habelos hailos) convírtense en categoría.

Non obstante, e por razóns non moi distintas ás que nos fan desexar que unha cidade como Compostela preserve a súa forma e a súa vida, hai galegos (entre os que me atopo) que tendo o castelán como lingua nai e considerándoa, xa que logo, como propia, entendemos que o galego merece o noso esforzo para asegurar a súa pervivencia como instrumento vivo de comunicación e non como vestixio da historia. E iso implica asumir de forma natural responsabilidades individuais de aprendizaxe e uso e deberes esixibles legalmente.

Claro que coa mesma naturalidade sabemos que o futuro da língua, moito máis que da regulación política, depende de cómo os cidadáns de Galicia a aprecien e a incorporen ao seu acervo como un ben non connotado partidariamente; de evitar leas como a de Galicia e Galiza; de cómo o feito lingüístico se integre nunha vivencia cultural ampla e comprometida co patrimonio que atesouramos, que nos singulariza e nos une.

Cidadáns e políticos deberiamos poñernos urxentemente a iso porque niso non estamos.