— Música, arte, literatura y creación

Para Antón Mouzo

Auditorio de Galicia (2008)

A principios dos anos 80 Antón Mouzo ensinoume un cadro que acababa de rematar cunha vista do Pazo de Vimianzo e coa feitura e o aroma dunha postal. Pero cando, perplexo pola simplicidade desa proposta pictórica, me acheguei ao cadro, quedei sorprendido: Toño traballara sobre un taboleiro inzado dunha morea de postais de verdade coa fotografía representada na pintura, polo cal a proximidade descubría unha repetición abafante, obsesiva, da mesma imaxe. Así, todo mudaba de sentido. O detalle era o conxunto, e o conxunto, o detalle. Un xogo, un laborioso engana ollos.

Cando, para escribir este texto, me puxen no transo de imaxinar a exposición retrospectiva do meu amigo, pensei inmediatamente no efecto que hai vintecinco anos me producira o cadro do Pazo. Sabía que ao me achegar aos debuxos, lenzos e materiais elaborados por Antón, en realidade ía velo a el das mil formas en que as nosas relacións me deron oportunidade de contemplalo: case de neno, con trece ou catorce anos, cos ollos fascinados rastrexando formas nun lusco-fusco urbano ao saír do Colexio dos Maristas de A Coruña... ou xa cumpridos os cincuenta, no Hospital, inconsciente e dominado pola axitada respiración dun corpo incómodo coa vida, alleo a ela.

Tamén sabía que, ao me mover por entre as obras e ao seu través, ía vir a min todo o que aínda sei que había na ansia de creación de Toño, todo o que foi a súa ilusión, os seus proxectos non realizados, os seus éxitos e fracasos, as súas fraxilidades, a súa amizade...

E de aí ven a miña incompetencia para ver con obxectividade a obra que xa é o que Antón Mouzo vai ser. Son incapaz de entregarme a esa contemplación. É o paradoxo dos pintores, que viven para reducirse a obxectos que os sobreviven, e dos amigos dos pintores, que non podemos aceptar esa redución, tan cruel... 

O tempo fará que Antón perdure o que perdure a súa pintura, e que a súa vida esvaeza, fragmentada nas pezas que deixou como pegada, fíos arredor dos que pasa o esquecemento e cos que non pode. E o que el foi, e o que foron os seus amigos e os seus amores, xa non terá entidade salvo para ilustrar ou explicar a obra que perdure. É a condena: o autor acaba sendo a obra, e, se acada o éxito, a obra, o autor.

A min a pintura de Antón Mouzo seméllame magnífica, vixente, emotiva... pero non podo separala da memoria do amigo, do home. Ao contemplar os seus cadros ou debuxos, véxome no centro dun xogo emocionalmente esgazador: da obra vou a el, e el devólveme á obra. É o paradoxo de sentir, ao mesmo tempo, a dor de revivir a súa perda e o pracer que a súa creación me produce, e de que ningún dos dous sentimentos poida sobre o outro.

Si, querido Antón, outra humorada que compartimos: fronte aos teus cadros, síntote tan ausente como presente... Ou quizais tan presente como ausente... non o sei ben... porque doe... Sobre todo, doe...